viernes, 2 de febrero de 2018

Revistas científicas españolas: criterios de calidade




Dada a importancia que teñen as revistas científicas como principal medio de reprodución da investigación e da comunicación científica, ademais de constituir o instrumento máis utilizado pola comunidade científica para dar a coñecer os seus traballos, dedicamos este post a facer un percorrido polos principais criterios que son propios das revistas de calidade, concretamente das revistas españolas.

Os máis coñecidos son os de Latindex, sistema de información sobre as revistas de investigación científica, técnico-profesionais e de divulgación científica e cultural que se editan en América Latina, Caribe, España e Portugal. No seu directorio inclúense os datos bibliográficos e de contacto de tódalas revistas rexistradas, publicadas tanto en soporte impreso ou electrónico. No caso de España, constan 4471 revistas rexistradas. Tamén proporciona un catálogo, que inclúe únicamente as revistas (impresas ou electrónicas) que cumpren os criterios de calidade editorial diseñados por Latindex. No caso de revistas españolas, aparecen 2304.
O dato fundamental da avaliación de revistas en Latindex é o número de criterios cumpridos dos 33 criterios de calidade propostos pola base de datos (36 no caso de revistas electrónicas).

Aínda que os criterios de Latindex son os máis destacados, en España desenvolvéronse unha serie de recursos para a avaliación de revistas científicas, especialmente no ámbito das ciencias sociais e humanidades. A maioría destes recursos baséanse no cumprimento dunha serie de criterios formais relacionados coa edición da revista, a súa visibilidade internacional, etc. Os máis destacados son:
- CIRC: clasifica as revistas en 5 grupos (A+, A, B, C, D), integrando os productos de avaliación existentes considerados positivamente polas axencias de avaliación como a CNEAI ou ANECA. Céntrase nas humanidades e ciencias sociais.
- MIAR: considerada unha das plataformas de avaliacion científica máis importantes de España, ofrece información de tódalas disciplinas. Presenta un indicador propio, o ICDS, que mostra a visibilidade das revistas en diversas bases de datos internacionais.
- RESH: integra indicadores de calidade para revistas científicas españolas de ciencias sociais e humanidades, que son, por unha parte, aqueles que CNEAI, ANECA e Latindex teñen en conta nos seus respectivos sistemas de avaliación. 

No apoio á profesionalización e internacionalización das revistas científicas españolas temos que destacar a labor de FECYT, que desenvolve dende o 2006 unha liña de actuación destinada a estes obxectivos a través do proxecto ARCE. Un dos instrumentos fundamentais para articular o mencionado proxecto é a Convocatoria de Evaluación de la Calidad Editorial y Científica de las Revistas Científicas Españolas, que pretende proporcionar un recoñecemento das mesmas, fomentando a súa visibilidade e presenza nas bases de datos internacionais. Así, as revistas que superen con éxito o proceso de avaliación obteñen o Sello de Calidad FECYT. 

Tampouco podemos esquecernos das dúas principais bases de datos multidisciplinares a nivel mundial, Web of Science e Scopus. Da primeira destacamos o Emerging Source Citation Index, que proporciona visibilidade a tódalas revistas de importancia rexional que cumpran cuns criterios básicos de calidade: ter revisión por pares, contidos de interese elevado para a comunidade científica, etc. É importante sinalar que nas últimas convocatorias da CNEAI, a inclusión en ESCI é considerada como referencia de calidade (nos campos 10 e 11). Tamén se incluíu como mérito para as acreditacións da ANECA, en concreto para ciencias sociais.
Pola súa banda Scopus conta cun Comité Asesor de Contidos que cubre as principais disciplinas científicas. Os criterios de avaliación de revistas agrúpanse en 5 categorías: política da revista, calidade de contido, prestixio, dispoñibilidade en liña e regularidade, explicados con máis detalle nesta ligazón.

No hay comentarios: