lunes, 22 de abril de 2024

DIA DO LIBRO 2024

 


Mañá martes día 23 celébrase o Día do Libro, fixado pola UNESCO desde 1995 nesta data por coincidir co falecemento de Miguel de Cervantes, William Shakespeare ou Garcilaso de la Vega. Cada ano, xunto con organizacións profesionais do mundo do libro, elixe unha capital mundial do libro: este ano recaeu en Estrasburgo (Francia)          que foi seleccionada polo seu desexo de contribuír ás reflexións e debates do noso tempo como o cambio climático, o aumento das desigualdades e o declive da democracia. A riqueza do seu patrimonio material e inmaterial, a notoriedade dos seus actores culturais, a vitalidade dos seus artistas, as persoas creadoras e profesionais do libro e a cultura, permitiron outorgarlle a esta cidade o título de Capital Mundial do Libro.

Poucas persoas coñecen a orixe española desta iniciativa ou o feito de que en España a celebración deste día nos seus comezos estaba fixada o 7 de outubro, data na que se consideraba que nacera Cervantes. Podedes descubrir curiosidades da historia da celebración do Día do Libro neste pequeno vídeo.

O cartel elixido este ano polo Ministerio de Cultura y Deporte para conmemorar este día foi creado por Luci Gutiérrez, Premio Nacional de Ilustración 2023 e leva unha cita de Luis Mateo Díez, Premio Cervantes 2023. A súa autora cóntanos o proceso da súa creación.

A Biblioteca Universitaria da Universidade da Coruña acolle mañá a presentación do libro Por la estela del navío: historia triste de una revolución alegre", o diario de Tomás Acción Golpe, escrito por Moisés Acción. Ás 12:00 horas na Biblioteca “Casa do Patín”.

Entre as actividades do Ministerio de Cultura destaca a cerimonia de entrega do Premio Cervantes Luis Mateo Díez na Universidade de Alcalá o mesmo día 23. As bibliotecas públicas tamén organizan actividades diversas. Destaca a da Biblioteca Pública del Estado Anxel Casal de Santiago de Compostela, que fará un paseo literario pola cidade. Tamén os museos estatais contribúen a celebrar esta data.

Na nosa comunidade autónoma, Ferrol acolleu a súa Feira do Libro os días 19, 20 e 21 e tamén Oleiros sumouse por primeira vez e organizou a súa primeira Feira. Na Coruña non temos Feira ata agosto pero as nosas bibliotecas municipais prepararon unha chea importante de actividades para toda esta semana.

Outras asociacións tamén aproveitan para facer exposicións, charlas ou presentacións de libros como a de Pasado arrincado. Lugares de Memoria democrática en Galicia, libro coordinado por Emilio Grandío o luns 22 ás 19:30 h na A.C. Alexandre Bóveda. O Museo de Belas Artes ten preparado unha visita guiada pola súa biblioteca para o día 23 ás 19:00 h.

As librarías convídannos a celebralo con elas e desde CEGAL lémbrannos que este día as compras teñen un 10% de desconto. Para quen non poida desprazarse a súa libraría, a plataforma de comercio online das librarías independentes, todostuslibros.com, ofrece información sobre os libros máis vendidos e recomendacións sobre cómics e libros para todas as idades.

Outras ligazóns de interese:

- 15 novelas para regalar este día del libro, proposta do programa Página 2 de RTVE.

- Las treinta recomendaciones de “Babelia” para el Día del Libro 2024.

- Caderno sobre Ánxel Casal e a edición galega en Nós Diario.


viernes, 12 de abril de 2024

Publicacións científicas fraudulentas



Nos últimos meses saíron á luz informacións que alertaban do preocupante incremento da publicación de traballos científicos fraudulentos que minan a credibilidade da actividade investigadora. De feito, no pasado 2023 acadouse un novo récord neste sentido xa que, segundo a revista Nature, o número de retractacións de artigos de investigación situouse por primeira vez por enriba das 10.000, e a maioría de analistas consideran que esa cifra sería só a punta do iceberg. Unha gran parte delas -8.000- corresponden a revistas pertencentes á editorial Hindawi, adquirida en 2021 por Wiley que, o pasado decembro, e como consecuencia destas retractacións, anunciou que deixaría de usar a marca Hindawi, ao tempo que poría en marcha procesos máis rigorosos de supervisión dos manuscritos e de confirmación da identidade dos editores invitados que adoitan supervisar os números especiais das súas revistas, nos que apareceron a maioría dos traballos retirados. 

Segundo a análise de Nature a taxa de retractación -proporción de artigos publicados nun ano determinado que acaba sendo retractado- triplicouse na última década. Arabia Saudita, Paquistán, Rusia e China presentarían, segundo este análise, as taxas máis elevadas. Estreitamente vencellados con este aumento das publicacións fraudulentas están as paper mills, ou fábricas de documentos, organizacións que producen en serie estudos científicos e venden a autoría dos mesmos a investigadores con desexos de avanzar rapidamente na súa carreira profesional. Con orixe en China, na actualidades estas fábricas xa se estende a outros países como Irán ou Rusia. Por outra parte, o uso indebido da IA xenerativa non faría máis que acelerar este aumento das publicacións fraudulentas.
 
As formas de fraude e de malas prácticas nas publicacións científicas son de diverso tipo e gravidade, e afectan a autores, revisores e editoriais. As principais serían as seguintes: 

Autores

- Plaxio: apropiarse de ideas, formulacións ou resultados doutros autores presentándoos como propios sen citar a fonte orixinal. 

- Presentación de datos inventados, total ou parcialmente; presentación de experimentos que nunca se realizaron; uso de referencias falsas ou non relacionadas. 

- Falsificación: modificación de datos correctos para obter resultados favorables; manipulacións e distorsións dos materiais, métodos ou equipos de investigación; alteración ou omisión de datos ou resultados; ignorar datos que refutan o resultado agardado. 

- Autocitas excesivas e sen xustificación. 

- Citar de xeito inxustificado o traballo doutros investigadores a cambio de que eles fagan o propio. 

- Firmar a autoría de traballos nos que non se participou ou esta participación foi testemuñal.
 
- Omitir o financiamento de empresas cuxa actividade está relacionada co tema do traballo. 

- Enviar o traballo a dúas ou máis revistas á vez, sen agardar a que a primeira rexeite o manuscrito. 

- Publicacións duplicadas ou redundantes: publicar en distintas revistas dous ou máis artigos que comparten a mesma hipótese, datos, puntos de discusión ou conclusións.

Revisores:

- Atrasar deliberadamente a publicación dun traballo sometido á súa revisión. 

- Suxerir a inclusión de citas dos seus propios traballos. 

- Rexeitar un traballo por ser dun investigador non afín ou porque refuta as súas investigacións. 

Revistas e editoriais:
 
- Autocitas: incitar aos autores a incluír citas doutros traballos publicados por esa revista a cambio de garantir a publicación dos seus. 

- Cobrar por publicar en aberto traballos que non pasan ningún tipo de revisión por pares ou control editorial (revistas depredadoras). 

Entre as motivacións para incorrer neste tipo de condutas estarían: a busca de recoñecemento; a presión por publicar; ser o primeiro en divulgar un avance ou descubrimento; a obtención dun beneficio económico; adaptar os reslutados aos postulados ideolóxicos do propio autor ou revista. 

Consellos para garantir a integridade e ética dos traballos de investigación: 

- O traballo non pode ter sido publicado previamente. 

- Non enviar o mesmo manuscrito a máis dunha revista ao mesmo tempo; agardar a que a primeira o rexeite para envialo á seguinte. 

- A publicación debe estar aprobada por todos os coautores e entidades responsables. 

- Non apropiarse de traballos doutros. 

- Non firmar a autoría de investigacións nas que non se realizou unha contribución relevante. 

- Non engadir citas inxustificadamente ou con motivacións autopromocionais. 

- Non inventar, manipular ou falsificar datos. 

- Non ocultar información necesaria para replicar a investigación. 

- Non primar motivacións persoais ou económicas sobre o rigor científico na avaliación de traballos doutros investigadores.

Se queredes facer un seguimento case en tempo real dos principais casos de retractacións que se están a dar na comunidade científica internacional podedes facelo en Retractation Watch.

viernes, 5 de abril de 2024

O Portal de Investigación da UDC



O pasado mes de febreiro púxose en marca o Portal de Investigación da Universidade da Coruña, que recolle a produción científica da institución co obxectivo de darlle visibilidade e transparencia  e dotala de ferramentas para a súa análise. Xestionado pola Biblioteca Universitaria, o portal nace do traballo conxunto do Servizo de Biblioteca, o Servizo de Informática e Comunicacións e o Servizo de Investigación da UDC e conta cunha axuda María de Guzmán da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología. 

Permite o acceso á produción científica da UDC no seu conxunto, dun grupo de investigación, unha facultade, unha área concreta ou dun investigador en particular. Permite, ademais, extraer indicadores de impacto tanto da dita produción coma do seu medio de difusión. 

O contido do Portal estrutúrase do seguinte xeito: 

- Grupos de investigación: esta sección reúne a información e indicadores sobre a produción científica dos distintos grupos de investigación da UDC, agrupados por centros e departamentos. Poderás acceder a:
  • Información de cada grupo de investigación (data de constitución, responsable, membros...)
  • Liñas de investigación
  • Publicacións do grupo, agrupadas por tipoloxía e ano, e indicadores das mesmas. 
  • Colaboracións: nome dos colaboradores máis frecuentes, institucións ás que pertencen e número de publicacións froito desa colaboración. 
  • Teses dirixidas por membros do grupo.
  • Indicadores do grupo (citas, revistas nas que publica, publicacións de impacto...)
  • Buscador de grupos de investigación. 
- Investigadores: esta sección reúne información sobre os investigadores da universidade, a súa produción e indicadores, agrupándoos polas áreas de coñecemento, centros, departamentos, institutos e centros de investigación aos que pertencen. Nela atoparás: 
  • Perfil do investigador (departamento, centro, grupo de investigación, área, e-mail...)
  • As súas publicacións, agrupadas por tipoloxía e ano, así como indicadores de cada unha delas. 
  • Colaboradores do investigador, institucións ás que pertencen e número de publicacións froito desta. 
  • Teses de doutoramento defendidas e dirixidas polo investigador. 
  • Indicadores: citas, revistas nas que publicou, publicacións de impacto...
  • Buscador de investigadores polo seu nome e, en versión beta, buscador de especialistas dun determinado tema.
- Resultados: sección que reúne información e indicadores sobre a produción científica da UDC no seu conxunto: 
  • Publicacións: agrupadas por tipoloxía e ano.
  • Acceso aberto: número e distribución anual da produción científica dispoñible en aberto, distinguindo entre publicacións (artigos, capítulos, libros...) e teses. 
  • Teses: información sobre as teses defendidas, agrupadas por departamento e ano, e teses dirixidas. 
  • Colaboración: centros ou institucións cos que colaboran os investigadores da UDC e publicacións derivadas desta. 
  • Patentes nas que participa a universidade e patentes nas que participan investigadores do portal. 
  • Indicadores globais da UDC. 
Para coñecer o impacto desta produción o Portal ofrece indicadores, tanto a nivel das achegas como dos medios de difusión das mesmas: 
  • Journal Citation Reports (JCR)
  • SCImago Journal Rank (SJR)
  • Clasificación Integrada de Revistas Científicas (CIRC)
  • Indice Dialnet de Revistas (IDR)
  • Citas recibidas (en Google Scholar, Dialnet Métricas, Scopus, WoS)
  • CiteScore
A información extráese das bases de datos Web of Science, Scopus e Dialnet e actualízase de xeito frecuente: en Dialnet cada 24/48 horas e, no caso de Scopus e WoS, semanal ou quincenalmente. 
O acceso ao portal é público, aínda que recomendamos indentificarse coas credenciais institucionais para acceder a todas as funcionalidades que ofrece. Isto é especialmente importante no caso dos investigadores, xa que o rexistro permitiralles, entre outras cousas, editar o seu perfil, solicitar a inclusión ou modificación da súa produción científica, descargar o seu Currículum Vitae Normalizado (CVN) ou un informe cos indicadores bibliométricos normalizados das súas achegas.
 
Para unha información máis detallada podedes consultar a seguinte Infoguía sobre o Portal.

viernes, 22 de marzo de 2024

Intelixencia artificial e bibliotecas



A intelixencia artificial (en adiante IA) experimentou un pulo moi importante nos últimos anos, especialmente tras a aparición, e inmediato éxito, de aplicacións de IA xenerativa como ChatGPT. Esta tecnoloxía ten a capacidade de provocar cambios disruptivos en moitos ámbitos da actividade humana, traendo consigo vantaxes pero tamén inconvenientes. 

O Diccionario de la Lengua Española define a intelixencia artificial como a "disciplina científica que se ocupa de crear programas informáticos que executan operacións comparables ás que realiza a mente humana, como a aprendizaxe e o razoamento lóxico". Trátase de sistemas tecnolóxicos que que perciben o seu entorno, acumulan e analizan información do mesmo, e resolven problemas e tarefas específicas: xeración de textos, imaxes ou vídeos; detectar plaxios ou novas falsas; identificar correo malicioso; realizar traducións; facer recomendacións baseadas no historial de buscas ou compras previas, entre outros moitos. 

Algunhas das principais vantaxes da IA son as seguintes: análise de datos masivos, dos que extrae patróns, a partir dos cales resolve tarefas; automatización de procesos repetitivos; redución do erro humano en accións concretas, precisión; axilización da toma de decisións; análise de erros de seguridade.
 
Entre as desvantaxes máis significativas están: vulneración de dereitos (de imaxe, propiedade intelectual, privacidade...); posibilidade de que os datos que procese non estean actualizados; necesidade de profesionais cualificados; custo de seu desenvolvemento; perdas de emprego; falta de empatía, ética e personalización; posibilidade de usos para fins maliciosos. 

A IA nas bibliotecas 

Como non podería ser doutra maneira, esta tecnoloxía ten potencial para producir un impacto amplo no eido bibliotecario, afectando a múltiples áreas do mesmo, unhas veces de xeito profundo e outras máis superficial. Pode mellorar a experiencia dos usuarios, facilitar as tarefas habituais dos profesionais das bibliotecas ou servir de apoio na xestión e análise de datos como soporte para a toma de decisións. 
Segundo a IFLA as principais aplicacións da IA nas funcións e servizos bibliotecarios son as seguintes: 

-Facer coleccións de datos lexibles por máquina e describilas a escala.
 
-Mellorar e crear metadatos, especialmente de recursos electrónicos. 

-Melloras na busca/recuperación de información; apoio nas revisións bibliográficas.
 
-Apoio a investigadores que usen IA nos seus proxectos: xestión de datos, dereitos de autor, recomendacións sobre uso ético.

-Xerar textos, traducións e resumos: asistentes de escritura, tradutores, etc. 

-Crear imaxes e contido audiovisual

-Apoio ao márketing bibliotecario (xeración de contidos adaptados ás necesidades de usuarios específicos). 

-Chatbots ou asistentes virtuais, que dean resposta a necesidades dos usuarios: desde recomendacións de lecturas ata resolución de dúbidas frecuentes as 24 horas do día.

-IA en sistemas backend para a realización con precisión de tarefas rutineiras complexas.

-Robots para dar información ou realizar tarefas de inventario. 

-Xerar contidos de aprendizaxe adaptativos. 

-Análise de datos para mellorar a eficiencia e a toma de decisións, por exemplo: estatísticas; desenvolvemento de coleccións baseadas en patróns de uso ou predicións de demanda, etc. 

-Alfabetización en IA de usuarios e persoal.

De enorme importancia pode ser, segundo a IFLA, a labor das bibliotecas no eido da alfabetización en IA, axudando aos seus usuarios e persoal a facer un uso ético e crítico desta tecnoloxía, aproveitando as súas potencialidades e, ao tempo, coñecendo as implicacións negativas que poden provocar os malos usos da mesma; en definitiva, formar usuarios en aspectos como: 

-Nocións básicas sobre IA e impacto na sociedade.

-Uso responsable: recomendacións de privacidade, propiedade intelectual, confidencialidade. 

-Boas prácticas: como sacar todo o seu potencial.

-Importancia de avaliar e contrastar con fontes fiables os resultados obtidos para evitar nesgos, alucinacións, ou información falsa (fake news, deepfakes, etc.)

A IA na Biblioteca da UDC

Polo que respecta á Biblioteca da UDC, neste momento dispón de recursos que usan esta tecnoloxía, como Grammarly, asistente de escritura baseado en IA, ou Deepl, servizo de tradución que tamén a utiliza. 

Para finalizar recomendámosvos a lectura das Directrices para o uso responsable da IA xenerativa na investigación, publicadas recentemente pola European Research Area.


viernes, 15 de marzo de 2024

As publicacións científicas da UDC no 2023 segundo as bases de datos Web of Science e Scopus

En anteriores post analizamos o impacto e o output da actividade científica da UDC no último decenio segundo as bases de datos Web of Science (WoS) e Scopus. Desta volta recompilaremos os principais datos relativos ás publicacións da institución de 2023 incluídas en ambas bases de datos. 
O número de documentos na WoS neste último ano é de 1.364, dos que 867 figuran en acceso aberto. Por tipoloxía documental, os artigos son claramente a máis numerosa, con 1.102 documentos (o 80,8% do total), seguidos das comunicacións en congresos con 145 (o 10,6%) como se pode ver no seguinte gráfico: 


En Scopus o número de documentos editados en 2023 é de 1.413, dos que 941 están en acceso aberto. Os artigos son tamén a tipoloxía máis numerosa con 1.049 (o 74,2%), seguidos de novo das comunicacións en congresos con 154 (o 10,9%) como observamos a continuación:
 


Polo que respecta ás áreas de investigación, na seguinte imaxe podemos observar que as tres áreas cun maior número de documentos no 2023 na WoS foron Enxeñaría (o 15,8%), Ciencias da Computación (o 11,7%) e Ciencias Ambientais-Ecoloxía (11,3%): 


En Scopus, a distribución por áreas de investigación pódese ver no seguinte gráfico, ocupando as tres primeiras posicións Medicina, Ciencias da Computación e Ciencias Sociais: 


En canto ás institucións colaboradoras coa UDC ao longo do 2023, na WoS destacan as seguintes: 


E en Scopus: 





miércoles, 6 de marzo de 2024

8 de marzo, Día Internacional da Muller



O vindeiro 8 de marzo celébrase o Día Internacional da Muller, xornada reivindicativa que conmemora a loita das mulleres pola igualdade de dereitos. Dámosvos conta neste post dalgúns dos actos máis destacados que tiveron ou terán lugar ao longo destes días na nosa universidade con gallo do 8M.

8M na UDC

-8 de marzo: Actos institucionais, ás 11.30h na Praza de Humanidades (Campus de Ferrol) e ás 18.30h na Sala de Prensa da Reitoría (Maestranza, A Coruña)

-do 6 ao 20 de marzo, na Facultade de Economía e Empresa: "Xornadas 8M – Mulleres e independencia económica: traballo e sociedade en perspectiva histórica". Organizadas pola Oficina de Igualdade de Xénero da UDC e abertas á toda a comunidade universitaria, incluirán, entre outras, actividades como obradoiros, exposicións, charlas-coloquio e unha proxección cinematográfica.



-6 de marzo, ás 13 horas na Escola Técnica Superior de Arquitectura: "Pechakucha 8M Exitosas-Xeitosas", que reuniu a alumnas e egresadas e nos que se abordaron distintas temáticas relacionadas coa muller na Arquitectura.

-6 de marzo, ás 12 horas: "Cadea Humana contra o feminicidio xenocida en Palestina, contra o infanticidio e contra o epistemicidio a mans do Estado de Israel coa complicidade de occidente", organizada polo Grupo de Igualdade da Facultade de Ciencias da Educación e SUG por Palestina; diante das Facultades de Informática, Dereito, Ciencias, Filoloxía (no Campus da Coruña) e Humanidades (Campus de Ferrol)

8M nas Bibliotecas da UDC

Animámosvos, ademais, a visitar as exposicións bibliográficas e centros de interese realizadas nas Bibliotecas de centro da UDC:

- Biblioteca da Facultade de Ciencias da Educación: Exposición bibliográfica sobre Eco-Feminismo. Do 5 de marzo ao 15 de abril.




- Biblioteca "Casa do Patín": Exposición bibliográfica en homenaxe ás Mulleres Artistas.





- Biblioteca da Facultade de Informática: Centro de interese con obras de temática feminista da súa colección.



- Biblioteca da Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física: Centro de interese con libros que abordan a temática dos corpos normativos (beleza, gordofobia, enfermidades, conduta alimentaria...) 

Para ampliar información, recomendámosvos a lectura das seguintes Infoguías da Biblioteca Universitaria:

- 8M na BUDC, onde, ademais dunha selección de libros e películas de temática feminista dispoñibles na colección da biblioteca, atoparedes información sobre campañas e actividades organizadas, con motivo do 8M, na UDC e nas súas bibliotecas tanto neste 2024 coma en anos anteriores.

-Guía sobre feminismo, xénero e igualdade, onde teredes acceso a unha ampla selección de recursos de información sobre estas temáticas.

viernes, 1 de marzo de 2024

O output da actividade científica da UDC na Web of Science e Scopus: 2013-2023

Continuamos as series anuais que viñamos dedicando ao estudo da produción científica da UDC, nesta ocasión coa análise dos datos relativos ao output da actividade científica da UDC nos últimos 10 anos segundo as bases de datos da Web of Science (WoS) e Scopus. Constitúen o output os artigos, actas de congresos, libros e capítulos de libros... elaborados polo seu PDI, é dicir, a produción científica da universidade.

Segundo a base de datos Web of Science, na década transcorrida entre 2013 e 2023 atopamos en WoS 13.852 documentos, dos que 7.064 están dispoñibles en acceso aberto. Se comparamos estes datos ca análise do período 2012-2022 realizado o ano pasado, observamos un lixeiro ascenso do número de documentos e na súa dispoñibilidade en aberto (13.649 documentos e 6.442 en acceso aberto entre 2012-2022).

Tendo en conta as áreas de investigación, na seguinte imaxe vemos que as 3 áreas cun maior número de documentos son Enxeñaría, Ciencias da Computación e Matemáticas: 


Respecto aos tipos de documentos, os artigos son claramente a tipoloxía máis numerosa, con 10.684 documentos (o 77,12%), seguidos das achegas a congresos con 1.939 (o 13,9%) e os resumos de comunicacións con 1.409 (o 10,17%), tal e como se observa nesta táboa:


O seguinte gráfico mostra o número de documentos por ano. Debemos precisar que os datos de 2023 aínda non son comparables aos dos anos anteriores, xa que non recollen toda a produción científica publicada nese ano dado o breve lapso de tempo transcorrido desde o fin dese ano. Os datos dos anos entre 2013 e 2022 xa se poden considerar consolidados polo paso de máis dun ano: 


Pola súa banda, na base de datos Scopus, na década transcorrida entre 2013 e 2023 figuran 13.020 documentos, dos que 6.729 están en acceso aberto. Do mesmo xeito que sucedía con WoS, obsérvase un lixeiro crecemento tanto do número de documentos como daqueles que están en acceso aberto respecto ao período 2012-2022 (12.454 documentos, 5.995 dos cales estaban en acceso aberto).
 
Segundo as áreas de investigación, Ciencias da Computación, Medicina e Ciencias Sociais son as tres áreas con máis representación da universidade nesta base de datos: 


Se temos en conta os tipos de documentos, e ao igual que no caso de WoS, os artigos son de lonxe a tipoloxía máis numerosa, cun 72.6%, seguidos moi de lonxe das achegas a congresos (13,3%): 

Por último, no seguinte gráfico podemos ver o número de documentos por ano






viernes, 23 de febrero de 2024

O impacto da actividade científica da UDC: actualización 2023

Neste post imos actualizar os datos de impacto das publicacións científicas da UDC mediante a análise de citas da Web of Science (WoS). 
Limitamos a produción aos anos 2017-2023. Neles, e segundo a WoS, publicáronse 9.928 documentos: 


Observamos, na seguinte táboa, a evolución da cifra de publicacións nos últimos anos: 

En canto ao número de citas, neste gráfico pode verse para cada ano as citas que recibiron os artigos da UDC publicados nese periodo de tempo: 

O número total de citas foi de 106.736; sen citas propias: 97.226. O número total de artigos nos que se cita algunha publicación da UDC foi de 89.649; sen citas propias: 85.807. 

A maior parte das citas proveñen de investigadores das seguintes institucións: 

O índice h durante este período é 99. Por anos, o índice h é o seguinte: 
Pode observarse que o índice h descende a medida que nos achegamos á data actual, pero subirá co tempo conforme se vaian recollendo máis citas. 

Filiacións: o persoal investigador da UDC colabora principalmente con investigadores das seguintes institucións: 
Financiadores: as súas publicacións están maioritariamente financiadas por: 
Publicacións: publica principalmente nas seguintes cabeceiras: 
Tipoloxía documental: predominaron os artigos de revista: 
Áreas de investigación: a UDC ten máis presenza en: 
Na listaxe de universidades españolas por número de documentos incluídos na WoS no 2023 a UDC ocupa o posto número 32




viernes, 9 de febrero de 2024

Informe IUNE 2023




O pasado verán publicouse o Informe 2023 do Observatorio IUNE, que ten como obxectivo a análise global da actividade científica e investigadora das universidades, tanto públicas como privadas, do Sistema Universitario Español no período 2012-2022.

Unha das partes máis interesantes do informe son os indicadores relativos á actividade investigadora das universidades, que se distribúen en cinco grandes grupos: produtividade, colaboración (nacional e internacional), impacto da investigación (citas recibidas e documentos non citados), visibilidade (porcentaxe de publicacións no primeiro cuartil e nas 3 primeiras revistas de cada disciplina) e acceso aberto. Para a súa elaboración, úsase como fonte de información a plataforma Web of Science e os seus principais índices de citas.

Como cada ano, extraemos do informe os datos relativos á actividade investigadora da UDC ao longo do período analizado, que presentamos nas seguintes táboas de elaboración propia.




Vemos un aumento significativo na década que abrangue o informe dos indicadores relativos as publicacións por profesor, a colaboración internacional e as publicacións en acceso aberto.  

A continuación mostramos a evolución da posición da UDC no ranking nas distintas categorías respecto ao informe de 2022, en negriña destacamos os campos nos que a universidade mellorou a súa posición e en vermello aqueles nos que a empeorou.



Mellora o seu posto en aspectos como as citas por profesor, colaboracións internacionais, o número de publicacións no primeiro cuartil, e o número de publicacións editadas en revistas situadas no top 3 das distintas categorías dos citation index de WoS (en termos relativos); neste último eido a UDC destaca situándose na sétima posición. Porén, empeora lixeiramente a súa posición nos indicadores de publicacións por profesor e na colaboración a nivel nacional.

Desde a edición de 2022, o informe incorpora indicadores da actividade investigadora emerxente, con información extraída do Emerging Sources Citation Index de Web of Science. Mostramos nunha táboa os datos relativos á nosa universidade.


Respecto ao informe do ano pasado, a UDC mellora lixeiramente a súa posición en catro dos cinco indicadores de actividade científica emerxente, como se pode ver na seguinte táboa.


Podedes consultar o informe completo nesta web, onde teredes a posibilidade de ampliar a información relativa á UDC, filtrar os datos por áreas de investigación ou acceder á información da actividade investigadora do resto de universidades españolas.


jueves, 25 de enero de 2024

Highly Cited Researchers 2023: investigadores altamente citados


A mediados de novembro de 2023 Clarivate fixo pública a súa listaxe de Highly Cited Researchers 2023, que inclúe os investigadores máis influíntes na última década nos seus respectivos campos, para o cal toma en consideración os artigos incluídos na Core Collection de Web of Science situados no 1% dos máis citados no seu eido entre os anos 2012 e 2022.

Un dos aspectos máis destacables desta edición é a aplicación duns criterios e estándares de avaliación e selección dos candidatos máis rigorosos que en edicións previas, co obxectivo de ser máis eficaces á hora de detectar posibles fraudes e malas praxes. O proceso comezou coa elaborción dunha listaxe preliminar cos artigos máis citados da última década. A continuación, aplicáronselle unha serie de filtros e controis para identificar diferentes factores (hiper-autorías, autocitacións excesivas, patróns inusuais de citacións en grupos...) que implicasen a exclusión de investigadores. Como resultado, e segundo Clarivate, máis de 1000 posibles candidatos foron excluídos da listaxe final, o dobre que en 2022.

Concédense nesta última edición un total de 7.125 recoñecementos a 6.849 investigadores, máis do 80% dos cales levan a cabo a súa actividade en institucións sitas nun reducido número de países (10). Estados Unidos é o país que máis investigadores aporta, cun total de 2.669, o que representa un 37,4% do total; esta porcentaxe, no entanto, diminuíu case 6 puntos nos últimos cinco anos. En segundo lugar aparece China, con 1.275 investigadores, o 17,9% do total, unha porcentaxe que aumentou un 10% no mesmo periodo, o que parece indicar un certo reequilibrio de forzas no taboleiro científico e investigador internacional, no que China gaña importancia e Estados Unidos, aínda que mantén o seu liderado, a perde. O resto de países do top 10 son: Reino Unido (574), Alemaña (336), Australia (321), Canadá (218), Países Baixos (195), Francia (139), Hong Kong (120) e Italia (115).

En canto ás institucións máis representadas, a Chinese Academy of Sciences lidera a listaxe con 270 mencións, seguida pola Universidade de Harvard, que perde o primeiro posto, con 237, e a Universidade de Stanford, con 126. A nivel europeo, destacan a Universidade de Oxford, con 62, e a Max Planck Society, con 59, que ocupan, respectivamente, a novena e décima posición.

Polo que respecta a España, nesta edición figuran 104 investigadores que teñen a súa filiación principal en institucións españolas, o que sitúa ao país no posto 12 do ránking, o mesmo que ocupaba en 2022. O Consejo Superior de Investigaciones Científicas, con 20, a Universitat de Barcelona, con 9, e a Universidad de Granada, con 6, son as institucións cun maior número de investigadores altamente citados.

O Sistema Universitario de Galicia, pola súa parte, está representado por un investigador: Álvaro Goyanes, da Universidade de Santiago de Compostela.


viernes, 19 de enero de 2024

Bibliometría narrativa nos sexenios 2023

Como vimos na anterior entrada do blog, na convocatoria de sexenios de 2023, e como resultado da adhesión da ANECA ao movemento de reforma da avaliación da investigación, introdúcese un reaxuste na combinación de métodos cualitativos e cuantitativos para valorar as achegas presentadas.

Así, será necesaria a xustificación, a través dunha narrativa, da relevancia e impacto científico e social das aportacións. E os indicadores cuantitativos, que ata o de agora eran o principal referente á hora de avaliar as contribucións, pasan a considerarse un apoio da dita narrativa e deben usarse de xeito responsable e contextualizado. Deste xeito, a bibliometría narrativa non só achega datos numéricos, senón que os explica e os dota de contexto.

Para completar a narrativa, o solicitante poderá apoiarse en múltiples indicadores: citas recibidas contextualizadas, proxección nacional e internacional, proxectos que financiaron a investigación, premios recibidos, traduccións da obra, contribucións á xeración de impacto social, etc. Tal e como se sinala no apéndice “Dimensiones, métricas y fuentes de la bibliometría narrativa” da Resolución de 5 de diciembre de 2023, de la Comisión Nacional Evaluadora de la Actividad Investigadora, por la que se publican los criterios para la evaluación de la actividad investigadora, do que vos recomendamos a atenta lectura, as métricas e indicadores que servan de base á narrativa poderanse extraer a distintos niveis:

 

- Nivel de aportación: aquelas métricas sobre o impacto e difusión das contribucións en si mesmas, no que haberá que atender a 4 dimensións:

  • Métricas de citación: usando indicadores de citación normalizada por categoría e reconto de citas excluíndo autocitas.

  • Métricas de uso e lectura: reconto de descargas, visualizacións en repositorios, plataformas editoriais, infraestruturas dixitais académicas.

  • Métricas de influencia ou adopción social: mencións procedentes de fontes externas ao ámbito académico e medios de publicación tradicionais: número de mencións en medios de comunicacións ou en informes de políticas públicas.

  • Métricas de visibilidade social: métricas procedentes de plataformas sociais, preferentemente académicas e especializadas, inclúense as mencións e interaccións que propiciaron as aportacións.


Nivel do medio de difusión: métricas que atenden á calidade e prestixio do medio (revista, editorial) no que se difunde a obra, no que se incluirán as seguintes dimensións:

  • Métricas de impacto científico do medio: diversos indicadores cuantitativos que ofrecen información sobre o impacto da revista na que se difunde a contribución ou da editorial.

  • Métricas sobre a calidade na xestión do medio: taxas de aceptación, tipo de revisión por pares, internacionalización. Verifícanse a través de certificacións acreditativas de boas prácticas


- Nivel de contribución científica en aberto: métricas sobre a difusión en aberto da obra e/ou os datos, no que se poderán tratar dimensións como:

  • Depósito ou publicación en repositorios dixitais de acceso aberto: valoraráse a difusión en acceso aberto e sen restriccións, a publicación en revistas e plataformas de acceso aberto diamante (sen restricións nin tasas para lectores nin autores).

  • Compartición datos, metodoloxías, programas de ordenador e modelos de aprendizaxe automático a través de repositorios ou outras plataformas destinadas a tal fin.

  • Ciencia aberta á sociedade: colaboración e implicación da cidadanía durante o proceso de investigación, diálogo con axentes sociais.

É importante a consulta da táboa 1 “Lista de posibles metricas, fuentes y dimensiones para evidenciar el valor de cada aportación”, da dita resolución para coñecer máis polo miudo as fontes de onde extraer as distintas métricas.



Deixámosvos ademais a ligazón a un traballo de recente publicación que vos pode ser de grande utilidade xa que inclúe exemplos concretos de posibles narrativas:

Torres-Salinas, D., Orduña-Malea, E., Delgado-Vázquez, A., & Arroyo-Machado, W. (2024). Fundamentos de Bibliometría Narrativa (v.1). Zenodo. https://doi.org/10.5281/zenodo.10512837


viernes, 15 de diciembre de 2023

Novidades Sexenios 2023



A pasada semana a  ANECA fixo público o documento final enviado ao BOE cos criterios de avaliación da próxima convocatoria 2023 dos sexenios de investigación, que foron aprobados, o 5 de decembro, polo Pleno da Comisión Nacional Evaluadora de la Actividad Investigadora (CNEAI), tras unha actualización  que ten como obxectivo principal axustar os ditos criterios á Ley Orgánica del Sistema Universitario (LOSU) e ao Real Decreto 678/2023, polo que se regula a acreditación estatal para o acceso aos corpos docentes universitarios, e que introduce cambios relevantes respecto a anos anteriores.

Para levar a cabo esta actualización a ANECA decidiu por primeira vez abrir, entre o 6 e o 19 de novembro, un período de consulta pública sobre o borrador dos criterios de avaliación, durante o que se recibiron centos de achegas dos diferentes axentes do sistema investigador e científico, algunhas das cales foron incluídas na elaboración do texto definitivo.

Entre as novidades máis destacadas desta convocatoria, a propia ANECA destaca as seguintes:

- Amplíase o tipo de aportacións que os solicitantes poden someter a avaliación (conxuntos de datos, programas de ordenador, modelos de aprendizaxe automático...) e acéptanse as aportacións extraordinarias en todos os Campos.

- Avánzase cara a novas formas de avaliación que combinen criterios  cualitativos e cuantitativos para a valoración das aportacións. Introdúcense así as orientacións do movemento internacional de reforma da avaliación da investigación aos que ANECA se adheriu este ano (DORA e CoARA), que se concretan na solicitude dunha narración xustificativa achegada polo solicitante cos indicios de relevancia e impacto de cada aportación. Inténtase, deste xeito, darlle máis importancia á valía da aportación en si mesma que ao medio no que esta se difunde.

- Promóvese o acceso aberto, incluíndo entre os requisitos o depósito en repositorios de acceso aberto, cun identificador persistente, dos resultados de investigación que se sometan a avaliación. Ao mesmo tempo, respéctase o dereito de atribución ou transferencia a terceiros dos dereitos sobre as publicacións que impidan que estean en acceso aberto, ao aceptar aportacións que estean depositadas en repositorios con período de embargo.

- Foméntanse e téñense en conta as traxectorias investigadoras interdisciplinarias, que ata o momento tiñan un difícil encaixe nos procesos de avaliación, a través da creación dun novo campo: "Campo 0. Interdisciplinar y multidisciplinar".

- Homoxeneizase a información da sección II de criterios específicos para os distintos campos.

- Posibilítase presentar menos de cinco aportacións se o solicitante xustifica situacións de permisos de maternidade ou paternidade, excedencias por coidado de fillos, familiares en primeiro grao dependentes, por razón de violencia de xénero ou violencia terrorista.

- Elimínase a obriga de presentar dúas aportacións substitutorias, que pasarán a ser opcionais.

Para ampliar información sobre as novidades deste ano recomendámosvos a consulta de:

jueves, 30 de noviembre de 2023

Día Mundial da Sida 2023



O 1 de decembro de cada ano conmemórase o Día Mundial da Sida. Celebrouse por primeira vez en 1988, á proposta da Organización Mundial da Saúde, apoiada logo pola Asemblea Xeral da ONU, converténdose no primeiro día mundial dedicado á saúde. Elixiuse esta data porque foi precisamente o 1 de decembro do ano 1981 cando se realizou a primeira diagnose da enfermidade. 
Desde entón organismos internacionais, gobernos e sociedade civil únense esa día para apoiar, visibilizar e dar voz ás persoas que viven con VIH (na actualidade hai 39 millóns de infectados en todo o mundo segundo datos de ONUSIDA) recordar aos falecidos pola epidemia e concienciar á sociedade sobre a enfermidade, a súa prevención e tratamento, e o respecto polas persoas que a padecen. 
Cada Día Mundial da Sida dedícase a un tema. O lema deste ano é "Que lideren as comunidades", que pon énfase na importancia de que as organizacións das comunidades afectadas pola doenza asuman un papel de liderado na loita pola súa erradicación. 
No ámbito de España, e no contexto da conmemoración deste Día Mundial, o Ministerio de Sanidade pon en marcha a campaña "Ante el VIH. Besos i+ Besos". Enmarcada no "Pacto Social por la no discriminación y la igualdad de trato asociada al VIH", ten por obxectivo promover na sociedade actitudes de respecto polas persoas con VIH e contribuír a eliminar o estigma e a discriminación asociadas ao virus. 
A nivel galego, a Xunta, a través do Servizo Galego de Saúde, celebra un acto institucional no que se fará entrega dos Premios de investigación sobre VIH e outras infeccións de transmisión sexual. Ademais desenvolverá unha campaña de concienciación nos centros de educación secundaria, bacharelato e formación profesional co obxectivo de informar sobre a transcendencia da enfermidade, a necesidade de prevención e a importancia de respectar os dereitos das persoas afectadas. Na campaña distribúense preservativos, cartaces, adhesivos co lazo vermello (símbolo internacional de apoio á loita contra a sida) e folletos con información preventiva.
No eido das bibliotecas, sobre todo as públicas, como institucións abertas á toda a sociedade sen ningún tipo de discriminación, lévanse a cabo, moitas veces en colaboración con organizacións que traballan no eido do VIH/Sida, actividades como mostras de libros e películas relacionadas co VIH, recompilación e difusión de recursos de información sobre a temática, guías de lectura, conferencias ou proxeccións de vídeos. 
Se queredes ampliar información, esta é a ligazón á web de ONUSIDA, o programa conxunto das Nacións Unidas sobre VIH/Sida que coordina as actividades dos distintos organismos da ONU na súa loita contra a enfermidade, e cuxo obxectivo é poñer fin á epidemia  para o ano 2030 como parte dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible. Nela poderedes atopar un bo número de recursos sobre o tema: 


lunes, 16 de octubre de 2023


A Universidade da Coruña no Ranking THE: Times Higher Education World University Ranking (edición 2024)






Recentemente vén de publicarse a edición 2024 do THE: Times Higher Education World University Ranking, que publica un ranking das mellores universidades a nivel mundial. O ranking avalía ás universidades utilizando 18 indicadores de rendemento centrados en cinco factores: docencia, investigación medioambiental, calidade da investigación, transferencia de coñecemento e proxección internacional. A clasificación deste ano analizou máis de 134 millóns de citas en máis de 16,5 millóns de publicacións de investigación e incluiu respostas a enquisas de 68.400 académicos. Ademáis recompiláronse máis de 400000 conjustos de datos proviñentes de case 2700 institucións. Este ranking Inclúe case de 1900 universidades de todo o mundo, entre elas 60 españolas.

Ao igual que en anos anteriores, a universidade inglesa de Oxford encabeza o ranking mundial. O segundo posto ocúpao a universidade de Stanford e o MIT (Massachusetts Institute of Technology desbanca á universidade de Cambridge escalando desde o quinto ao terceiro posto.

Respecto á nosa universidade, sitúase na banda 1001-1200 do total de institucións avaliadas en todo o mundo. A nivel nacional ocupa o posto 36 das 60 universidades estudadas, nas que destacan nos tres primeiros postos universidades de Cataluña: Universitat de Barcelona, Universitat Autònoma de Barcelona e Universitat Pompeu Fabra. En canto ao conxunto das universidades galegas as Universidades de Coruña sitúase por detrás das universidades de Vigo e Santiago de Compostela que ocupan a franxa 801-1000 e 601-800 respectivamente.



O Times Higher Education (THE) publica ademáis o Young University Ranking, que tamén é un ranking das mellores universidades a nivel mundial, pero menores de 50 anos. Baséase nos mesmos indicadores que o anterior ranking, pero as ponderacións axustáronse para dar menos peso á reputación. A edición deste ano inclúe 963 universidades, fronte ás 539 do ano anterior. Nesta nova edición a UDC segue figurando entre os postos 351-400.

Esta plataforma tamén mide o grao en que as universidades contribúen a acadar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible. No Impact Ranking 2023 está na franxa 201-300, e no que respecta aos 17 obxectivos, a Universidade da Coruña destaca no obxectivo 5. Igualdade de xénero, no obxectivo 15. Vida de ecosistemas terrestres, no obxectivo 17. Alianza en favor dos obxectivos, e especialmente no obxectivo 4. Educación de calidade, no que a UDC ocupa o posto 13 a nivel mundial e o posto 3 no ranking español por detrás de Vigo e a Universidade Rovira e Virgili.




A evolución da UDC neste ranking pódese ver con máis detalle nuns gráficos desta páxina, da que é responsable a Unidade de Análise e Xestión de Datos (AXD), que centraliza e analiza a información para cubrir estatísticas de carácter oficial. Neste sentido, inclúen un amplo apartado dedicado á UDC nos rankings universitarios, no que se presentan informes de diferentes rankings, tanto nacionais como internacionais, con datos sobre a nosa universidade en cada un deles.